(Cée, Costa da Morte 1974) É un patrón de pesca da Galiza. Coas raíces ben chantadas na tradición ancestral do oficio de mariñeiro, herdado do seu bisavó, e toda unha vida tendo o océano como base principal do seu traballo.
Que había debuxado na parte final dos cadernos do colexio deste home dende que ten uso de razón? Barcos e máis barcos. Quizais ese estaleiro da Sicar no mesmo pobo de Cée onde construían mercantes de cabotaxe, e onde varaban a reparar pesqueiros de distintos portos galegos, foi o detonante para que esas formas, esas fasquías, voasen pola súa imaxinación.
Nunca pensou que todos aqueles esbozos de navíos en distintas posicións e perspectivas, xunto coas acuarelas Jovi, fosen neste tempo futuro o argumento para a creación dun álbum ilustrado como o Nación Mar.
Despois de publicar dous poemarios mariñeiro–atlánticos como Transfusión Oceánica e A Relixión do Mar está na fase de aprender como o vello Gepetto a darlle vida a pequenos anacos de madeira. E a outros poemarios e outras metamorfoses que están por vir.
Sempre co mar por diante, para dignificar a súa profesión, os seus lobos de mar, e sobre todo os seus deuses-barco.