Bululu

Para festexar que en abril ten lugar o Día do Libro Infantil e Xuvenil e o Día do Libro, queremos converter este mes no noso Mes do Libro particular e destacar algúns dos títulos máis emblemáticos que publicamos dende os nosos inicios. En Bululú damos a todos os nosos libros a mesma importancia e cariño, mais hai algúns que, por unha cousa ou outra, tiveron un impacto significativo no noso rumbo como editorial.

E non podiamos comezar por outro que O Crebanoces. O noso primeiro álbum ilustrado e co que nos estreamos pola porta grande: da man dun ilustrador de tanto prestixio coma David Pintor e a adaptación do texto por parte de María Canosa. Dous autores que rematarían por ser importantísimos para a nosa editorial.

O Crebanoces converteuse nun álbum fetiche non só por ser o primeiro, tamén porque a nosa primeira libraría chamábase Cascanueces. Ademais, marcou o comezo da colección Carambola, con títulos tan destacados coma O estrambótico Principiño (a nosa primeira incursión en català e cunha reimpresión das edicións en castelán e galego). Un debut perfecto!

Erik o construtor de soños tamén foi dos nosos primeiros proxectos ilustrados, e todo un éxito dende a súa publicación. O texto correu a cargo de Kike Gómez e as ilustracións, de Dani Padrón, autores que máis adiante repetirían en Bululú. Foi o primeiro álbum do que vendemos os dereitos para a súa publicación en outros países, algo que sempre fai moita ilusión.

Con Alén, de Liébana Goñi, lanzámonos por primeira vez a publicar ao mesmo tempo un libro en catro idiomas (castelán, galego, català e euskara), e rematou por darnos alegrías inmensas, incluíndo unha recensión no programa Página 2.

Unha colección que non podiamos deixar de destacar é Carantoña, que tantos éxitos nos dá e que procuramos seguir alimentando constantemente con novos títulos. Xa vooou!, de Susana Peix e Romina Martí, foi o álbum co que a inauguramos, un álbum que xa tivemos que reimprimir varias veces e do que (momento primicia!) estamos a preparar unha nova edición adaptada a lectura fácil.

Esta colección tamén nos permitiu publicar Coidado coa charca! O texto de José Carlos Román, prolífico autor de literatura infantil e xuvenil, levounos tamén a publicar por primeira vez un ilustrador cun Premio Nacional de Ilustración, Emilio Urberuaga. Toda unha responsabilidade da que saímos airosos, pois esgotamos a primeira edición nun mes, vendemos os dereitos a varios países e mesmo gañou unha licitación do Ministerio de Cultura chileno.

Case ao tempo, publicamos Unha mestra en apuros, a nosa primeira incursión na banda deseñada. De novo, un debut fantástico que tivemos que reimprimir ao mes de publicalo. As divertidas anécdotas de Pilar Serrano Burgos ilustradas por Jorge Campos axiña deron pé a dous novos números que fan as delicias de nenos, pais e mestres por igual, e dos que levamos xa varias reimpresións.

E chegamos á colección con maior número de títulos polo de agora: Sherlock Holmes para pequenos detectives. Con Estudo en escarlata e O carbúnculo azul atrevémonos por primeira vez pola compra de dereitos a nivel internacional e a aposta sen dúbida funcionou, porque a colección consolidouse con dez títulos e levounos a outras compras de dereitos, coma os dous títulos de Grandes cidades, pequenos viaxeiros, Podes, O Trocatintas e, en galego, Diarios Zombi e tamén unha pequena fada-vampira moi coñecida que estamos desexando anunciar.

Indómita e a semente da inmortalidade chegou ás nosas mans a raíz do noso compromiso de publicación do gañador do certame Muíño de Vento, que rematou por converterse nunha colección de creación orixinal con ese mesmo nome. Con ela buscabamos unir literatura xuvenil con ilustracións, de calidade, atractiva e entretida a prezos accesibles. Unha colección austera, pero ao noso parecer moi digna, que pouco a pouco vai facendo o seu camiño e que acaba de ver publicado un novo título: O misterio de Xacarandá.

Deixamos a literatura infantil e xuvenil por un intre e imos cunha colección un pouco distinta dentro do noso catálogo, unha colección que dende o principio buscou poñer en circulación a obra dos microrrelatistas cunha voz máis destacada do noso país. Referímonos, xaora, a Lenguas de ornitorrinco, que non podería ter unha mellor presentación grazas ás ilustracións de Nino e o cuidado no papel e cubertas. Nesta colección publicamos A Celeste la compré en un rastrillo, o debut literario de Arantza Portabales, que hoxe é unha recoñecida autora de novela negra.

Con ela repetimos un pouco máis tarde e, como ao final collemos o gusto de publicar Premios Nacionais de Ilustración, volvemos facelo en Historias de Mentes, desta volta con Javier Zabala, que interpretou de maneira maxistral os relatos de Portabales. Este é, quizais, un dos nosos libros máis coidados na edición e recompensounos cunha portada en El Cultural na campaña de nadal dun ano tan difícil coma 2020.

E non podía faltar Peixe, talvez o libro máis premiado e que máis interese xerou dentro do noso fondo. Non podemos estar máis orgullosos e agradecidos de unir a Javier Zabala e Emilio Urberuaga, dous Premios Nacionais de Ilustración (ademais de amigos) para que combinasen o seu talento e nos permitisen participar da creación deste álbum ilustrado que se converteu nun clásico así como saíu do prelo.

Outro dos nosos títulos recentes que non deixou de darnos alegrías é Womanhaus, de Dakota Hernández. Tiña os riscos que implica apostar pola proposta dunha ilustradora e investigadora sen traxectoria editorial, pero o seu enfoque feminista e histórico balanceado con moito criterio resultou ser un marabilloso acerto, que fixo que fose recoñecido na Feira de Boloña e que Dakota Hernández asistise como conferenciante. Unha estrea por todo o alto.

Con Nación Mar apostamos por un libro ilustrado para adultos, que reivindica un mundo que se está a transformar e que estamos a perder. Sabiamos que estabamos ante algo realmente innovador, tanto polo concepto das ilustracións coma polo contido etnográfico que se recolle nos textos (a desaparición da carpintería de ribeira, as diferentes artes de pesca en Galicia…) por parte de Xosé Iglesias, pescador, poeta e artista.

Chegamos ao final dos nosos títulos destacados, e non podía faltar a mención a Ser cetáceo. A nosa incursión no mundo do ensaio divulgativo, e do que nos sentimos moi agradecidos ao seu autor, Francisco X. Fernández Naval, por confiar na nosa labor como editores. Un libro único e incomparable a calquera outro.