De novo conseguírono, Pinto & Chino trouxéronnos dunha das súas viaxes un libro que lles regalou unha pirata pantasma. Hai que ter coidado porque é un libro pantasma e en calquera momento, mentres o lemos, pode desaparecer.
A estrambótica Illa do Tesouro é un álbum de personaxes, animais e cousas fóra do común, divertidos e aloucados como non poden ser doutra maneira aqueles que buscan un tesouro pirata moi particular. Jim que se chamaba Jimmy, pero un corsario, dun só tallo, cortoulle o nome. Bill Bones cuxa canción facía chover botellas de ron, Silver o Longo cuxo alcume entendía ao segundo calquera que o coñecese, o seu papagaio, o Capitán Flint, por certo moi calado… e moitos outros protagonistas en grao sumo variado que aquí poderedes atopar.