Xosé Duncan naceu hai máis de medio século nunha pequena aldea das Rías Baixas chamada Taragoña. Pasou practicamente toda a súa vida na Coruña e leva dez anos sacando fotos a diario de todo canto chama a súa atención. A súa serie ‘Cumios da cidade’ estivo exposta na Casa Museo de María Pita e nela fixouse nos tellados e siluetas de edificios emblemáticos, modernistas e modernos, procurando por un punto de vista e de fuga diferente de localizacións comúns. Formou parte durante un tempo do colectivo fotográfico ‘Ollo Atlántico’ e nos últimos tres anos colaborou coas súas fotografías en iniciativas culturais e solidarias da cidade.