Nace a editorial Bululú apostando polo libro ilustrado. Fervenzas Literarias

Nace a editorial Bululú apostando polo libro ilustrado. Fervenzas Literarias

A pesares da crise económica e do descenso no consumo cultural é admirable avistar a confianza e a convicción que algúns intrépidos poñen no mundo do libro. Por iso é de agradecer e é unha alegría ver como nace unha nova editorial.

Pablo Zaera Silvar, responsable da libraría coruñesa Cascanueces, é a persoa que se atopa detrás da editorial Bululú, que ven de inaugurar o seu catálogo con dous volumes de literatura infantil e un calendario con ilustracións de David Pintor. Bululú, que toma o seu nome dun famoso comediante galego do século XVI, aposta pola unión entre o narrativo e o visual e por unha edición coidada onde cada libro teña a súa propia voz.

De profesión inventor é un álbum escrito por Kike Gómez e ilustrado por Irene Sanjuán. A outra novidade é As estrambóticas viaxes de Gulliver, a nova entrega do dúo Pinto&Chinto.

A inauguración do catálogo de Bululú complétase cun calendario do 2013 do ilustrador David Pintor. O artista coruñés, que xa publicara un calendario no 2010 con ilustracións do seu Ciudades de Papel (El Patito) e do 2011 para a empresa italiana de xoguetes Cittá del Sole, dedica este calendario para o 2013 a autores da literatura universal como Sartre, Lispector ou Cela. Unha alfaia dun dos nosos artistas máis internacionais, que ven de publicar o seu traballo no Wall Street Journal.

Ver la noticia aqui