Naceu en Vigo no ano 1969. É Doutor en Belas Artes pola Universidade de Vigo e licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid, cidade onde tamén se especializou en Realización e Produción no Instituto Oficial de Radio e Televisión.
Despois de ter traballado en diferentes países, atopou o seu lugar no mundo nas Rías Baixas galegas. Traballa de profesor de instituto no bacharelato artístico musical impartindo as materias de Cultura Audiovisual e Fundamentos da Arte e, durante anos, colaborou no suplemento cultural do xornal “O Correo Galego.” Gústalle a fotografía, a literatura, a ciencia, ir ao cine e ao teatro, facer deporte, escoitar música, viaxar e a boa mesa.
En 2018 publicou o álbum ilustrado “A raíña das tortas” na colección Verdemar da editorial Alvarellos. Con “Indómita e a semente da inmortalidade” gañou o I Certame de Literatura Infantil e Xuvenil “Muíño do Vento.”